venres, 1 de febreiro de 2019

Perífrasis verbais 

Segundo o significado, diferenciamos as seguintes clases:

1. TEMPORAIS 

Indican futuridade ou inminencia (algunhas aportan o matiz de intención). Só se constrúen con infinitivo.

Ir + infinitivo: vou ir a Muros, vou comer (intención) 
Evitar o castelanismo: *vou a ir a Muros, *vou a comer.

Estar a/para + infinitivo: está para chegar, está a caer. 
está a caer pode ser tamén aspectual imperfectiva: está caendo.
Haber (de) + infinitivohei (de) avisar, habemos (de) facelo. 

Haber (pretérito) (de) + infinitivo: houbo (de) caer, houben (de) morrer.
Indica inminencia non cumprida no pasado
Hai quen a considera aspectual imperfectiva.
Querer + infinitivo: 
Con verbos referidos á meteoroloxía: parece que quere chover. 
Cando o suxeito é un ser inanimado: as roseiras queren agromar.

2. MODAIS 

Indican obrigación ou probabilidade. Só se constrúen con infinitivo.

2.1.Obrigativas:
Hai que + infinitivo: hai que estudar, hai que gañar como sexa.
Haber (de) + infinitivo: has (de) facer o que manden.
Ter que/de + infinitivo: tedes que levalo, tiña de ser así.
Deber (de) + infinitivo: deben (de) esforzarse máis.

2.2. Hipotéticas:
Haber (de) + infinitivo: han (de) ser as doce, ha (de) facelo nunha hora.
Deber (de) + infinitivo: debeu (de) pasar algo.
Poder + infinitivo (probabilidade): pode ter corenta anos, podo fallar.

3. ASPECTUAIS:

3.1. Imperfectivas: Indican acción non acabadaen desenvolvemento.
Constrúense con xerundio ou infinitivo xerundial.

Estar + xerundio ou a + infinitivo: está traballando, está a traballar.
Andar + xerundio ou a +infinitivo: anda falando, anda a falar.
Levar + xerundio ou a + infinitivo: leva horas falando/a falar.
Seguir + xerundio: aínda andas amolando?
Ir + xerundio: imos indo, vou fartando de ti.
Vir + xerundio: vén cantando coma se nada.
Poden indicar un proceso gradual (vaise achegando) ou ter un matiz reiterativo (leva moitos anos adestrando)

3.2. Perfectivas: Expresan a acción como acabada, un proceso rematado.
Xunto coas reiterativas constrúense con participio.

Acabar de + infinitivo: acaba de chegar, acabei de ler o poema.
Deixar(se) de + infinitivo: ao verme deixou de fochicar na gabeta.
Dar + participio: custoume, pero dei rematado; non dan acabado a obra.
Levar + participio: levo andado moito mundo, moito levo aturado.
Tamén valor reiterativo: moitos exames levo feito.
Ter + participio: sinto non ter chegado a tempo
Tamén valor reiterativo: moitas teño feito.
Ir + participio: o camiño xa vai andado.

3.3. Reiterativas: Expresan a repetición dunha acción.

Volver + infinitivo: volveulle dar unha recaída, volvereicho dicir.
Nunca con prep.: volve estar de moda / * volve a estar de moda.
Ter + participio: téñocho dito moitas veces, moitas lle teño contado.
Levar + participio: moitas luras levo matado.

3.4. Incoativas: Expresan o inicio dunha acción.

Comezar/empezar a + infinitivo: empezou a nevar.
Botar(se) a + infinitivo: botouse a chorar, botamos todos a correr.
Poñerse a + infinitivo: e vai e ponse a berrar.
Dar en + infinitivo: deu en falar e falar… e non paraba.
Romper a +infinitivo: ao oílo rompeu a rir.

3.5. Terminativas: Indican a acción no seu remate.

Chegar a + infinitivo: chegou a dicir que eras parvo.
Vir a + infinitivo: ao final veu a descubrirse a verdade.
Acabar por + infinitivo: acabou por se anoxar.


4. VOZ PASIVASer + participio (a declaración foi lida polo secretario)
Pode considerarse unha perífrase ou analizarse como unha oración simple atributiva (o participio sería o atributo). É de uso moi escaso na escrita e case inexistente la lingua oral.

https://www.edu.xunta.gal/centros/iesfontexeria/aulavirtual2/mod/book/view.php?id=3308&chapterid=751

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Bitcoin y Blockchain Dinero digital , sí estás leyendo bien. La primera se trata de una  criptomoneda  y la segunda es el  sistema de co...